escanciar

Servir viño ou outra bebida.

Etimoloxía

Considérase que a súa orixe está nunha suposta forma gótica *skankjan ‘servir bebida’.

Exemplos *

“Na noite escanciaba viño en cuncas de madeira ante as chamas crepitantes do lume de leña que avivaban os mozos e falaba de batallas, e nalgunha ocasión, Deus me perdoe se non vin saír a meu tío Guido dos apousentos das damas.” (María Gándara: Magog)

“E aqueles dous velliños farrapentos foron servindo manxares exquisitos que lles eran coñecidos e outros descoñecidos e sabedeiros e fóronlles escanciando viños perfumados e hidromel.” (Suso de Toro: O país da brétema. Unha viaxe no tempo pola cultura celta)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.