Peixe mariño da familia dos escorpénidos, do que existen distintas especies con espiñas na cabeza e outras provistas de glándulas velenosas na aleta dorsal
Etimoloxía
O nome desta especie bebe na denominación latina scorpione ‘escorpión’.
Exemplos *
“Cando saía, eufórica e coa pel de galiña, coa auga polos nocellos, picoume un escarapote. Pensei que me cortara nun vidro ou pisara un cravo. A dor espallouse decontado.” (Xurxo Borrazás: Costa Norte / ZFK, 2008)
“Despois de escoitar os diversos diagnósticos dos entendidos (...), chegarase á conclusión de que aquela inchazón tan descomunal era unha picadura de escarapote ou de faneca brava, que por aló as había a centos, enterradas na area, co aguillón alerta.” (Xosé Luís Martínez Pereiro: As irmás bastardas da ciencia. Antoloxía de sedes clandestinas, 1999)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.