Insecto da familia dos escarabeidos, dos que existen moitas especies, de forma arredondada, patas curtas e antenas en forma de maza.
Etimoloxía
Crese que procede dunha forma latina scarabiculo, que sería un diminutivo de scarabeus, -i 'escaravello', que probablemente se tomou do grego.
Exemplos *
"… xa non lembraba aquela muller, miúda coma un bichiño, coma un escaravello sempre polo medio, co seu aspecto antigo e o apagado sorriso …" (Francisco Fernández Naval: Tempo de crepúsculo)
"… que cada un é como é e non tiña por que lle poñer nomes a ninguén, que se ela é calada e moi metida en si, peor era que fose un escaravello, que dandase sempre meténdose en todo." (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.