escepticismo

Doutrina dos antigos filósofos gregos segundo a cal o espírito humano non podería chegar a coñecer con absoluta certeza ningunha verdade de orde xeral ou de determinado dominio do coñecemento.

Etimoloxía

Deriva de escéptico, que se remonta ao grego eskeptikos –e –on ‘que observa sen afirmar’.

Exemplos *

“Poderiamos facer referencia ó tópico académico de que foi un intelectual galego do século XVI, o filósofo Francisco Sánchez, o máis cabal exemplo de escepticismo co seu libro Quod nihil scitur, que ten a súa versión na frecuente expresión popular de “nin se sabe”.” (Xosé Chao Rego: Para comprendermos Galicia)

“Foi D. Hume, o último dunha tríade de filósofos británicos -os outros dous serían J. Locke e G. Berkeley- que conduciría ao empirismo ás súas últimas consecuencias: o escepticismo e o fenomenismo.” (Arturo Carreira Castro e Carmen Padilla Heredia: Filosofía da ciencia e da tecnoloxía)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.