escornacabras

Arbusto da familia das terebintáceas, de follas compostas e brillantes, flores de cor acastañada sen pétalos e pequenos froitos en drupa, que presentan nas ramas terminais bugallos similares a cornos de cabra e que zumega pola cortiza unha terebintina moi recendente

Etimoloxía

Vocábulo que se forma co verbo “escornar” derivado sobre “corno” do latín cornu e o substantivo “cabras” desde o equivalente capra.

Exemplos *

“Escampara de vagariño trala treboada do amencer e as herbas, fentos e escornacabras dos arredores pinguenexaban o paso da vella. Con actitude resolta e mirada afouta, ascendeu pola leve encostiña apoiándose nos penedos aconchegados nas beiras.” (Xabier Quiroga: Atuado na braña, 2002)

“Intentou entreterse identificando as árbores e arbustos que o rodeaban: carballos, bidueiras, amieiros, freixos, abeleiras, salgueiros, pereiras bravas, espiños, escornacabras, urces, arandeiras ... Pero a sucesión de relampos, raios e tronos non deixaba de aumentar.” (Carlos G. Reigosa: A lei das Ánimas. A novela da santa compaña, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.