escrutinio

Exame atento e minucioso de algo, en particular aquel en que se recontan e clasifican as papeletas introducidas nunha urna durante unha votación, os boletos premiados nas quinielas etc.

Etimoloxía

Vén do latín escrutinium, i ‘acción de revisar’, formado a partir do verbo scrutari ‘escrutar, explorar’.

Exemplos *

"Na dirección da Igrexa adóptanse formas falsamente participativas: dan a liberdade necesaria para que lles digan si, fan eleccións para cargos e o escrutinio dos votos realízano en segredo no pazo episcopal." (Xosé Alvilares: Memorial de agravios)

"Falan irresponsabelmente de frear as consecuencias democráticas da plurinacionalidade do Estado mediante unha nova lei eleitoral con escrutinio maioritario, sen consideraren que ese sistema, se ben podería asegurar unha maioría en Madrid a algún dos partidos estatais, tamén o faria, poñamos por caso, en Cataluña…" (Camilo Nogueira: Galicia internacional 1996-5/48)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.