Lonxitude dun barco de popa a proa medida sobre a cuberta, pola parte de dentro.
Etimoloxía
As indicacións sobre a orixe desta palabra lévannos ata o neerlandés sloerie, formado a partir do verbo sloeren 'medir un barco'.
Exemplos *
"Amarrados ao peirao, ocupaban o espazo entre varios pesqueiros, que chocaban nos costados salvados por boias, e un mercante duns cincuenta metros de eslora diante do que facían garda dous soldados alemáns e un can." (Jaureguizar: Cabaret Voltaire)
"A Rosada, que era o nome que levaba pintado, medía sete cuartas, algo máis de catro metros de eslora, e construírana no Porto do Son." (Xesús Franco González: Matalote)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


