espadana

Espadana
Espadana

Planta herbácea da familia das tifáceas, da que existen varias especies, propias de zonas húmidas, de follas moi longas e lisas, rematadas en picos, semellantes a espadas, e flores que forman unha especie de mazaroca na parte superior dunha cana.

Etimoloxía

É un derivado de espada, que procede dunha forma latina espatha, -ae, tomada do grego, que tiña, entre outros significados, o de ‘espada grande’.

Exemplos *

“As liñas son quebradas e rematan todas en punta, como as follas dunha espadana.” (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana)

“O río Anllo, que tantas veces tiña eu andado de noite ás troitas canda meu pai, volvíase cego de espadanas e nabos de San Antón, de silvas nunca rozadas e ameneiros mal espodados.” (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.