estadea

Aparición, visión fantasmal

Etimoloxía

Probablemente teña a súa orixe no baixo latín statualem [cereum] ‘cirio’.

Exemplos *

“Compañeira do meu pobo, estadea / de panos brancos e locentes, /vagalume / chantada no silencio do monte / como un berro de luz / que aínda trema nas silveiras...” (Salvador García-Bodaño: Tempo de Compostela, 1979)

“Quizais nin sequera aquela idea tola funcionase, pero eu precisaba resarcir dalgunha maneira á miña familia por toda a dor que causara no pasado. Así que decidín someterme a esa terrible proba para poder liberarme por fin de todas as estadeas que me apesaraban.” (Natalia Carou: O alento nas costas, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.