estalote

Estalote
Estalote

(Digitalis purpurea) Planta silvestre da familia das escrofulariáceas, de talo ergueito, follas basais e inflorescencia de ata trinta centímetros de alto con numerosas flores con forma de alferga, coa corola de cor púrpura ou rosada e interior branco punteado de vermello.

Etimoloxía

Formouse a partir de estalar, que é o que facemos xogando coas súas flores.

Exemplos *

“… púñase a andar cara San Adrián, como tal cousa, estalando campaíñas de estalotes e apañando morotes, mentres cantaba romances aos ríos, ás fontes, ás árbores.” (Eduardo Prieto Casares: Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra)

“Calquera cousa capaz de estoupar estremecíame. Os foguetes das festas facíanme impar, e mesmo os estalotes que os outros nenos detonaban contra as palmas das mans me beliscaban o fío do lombo.” (Bieito Iglesias: O mellor francés de Barcelona)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.