Prancha de madeira ou doutro material, que se coloca horizontalmente na parede ou nun moble a propósito, para colocar cousas enriba / Moble con ou sen portas, con varias pranchas de madeira ou doutro material colocadas horizontalmente a distintas alturas, que se usa para colocar libros ou outro tipo de obxectos
Etimoloxía
Esta voz é produto da substantivación do participio de presente do verbo latino sto, stans, -antis ‘o que está de pé’.
Exemplos *
“Sen saber que facer, foi sentar á mesa que tiña ó fondo do cuarto. Sobre a man dereita quedaba un estante cunha ducia de libros. Don Raimundo Froilán ollounos con fastío e, ó cabo, colleu un dicionario, buscou nel a palabra cacique e leu en alta voz.” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda, 2012)
“Imaxina a vida do Antón Piñeiro neno, facendo os deberes nun escritorio infantil, rodeado de estantes de libros, cun pai recomendándolle lecturas, comprándolle libros, regalándolle libros, levándoo a exposicións, a museos, ao teatro, ao cinema, a cabalgatas de Reis, celebrándolle os aniversarios.” (Ana Cabaleiro: As Ramonas, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.