Monumento de carácter conmemorativo, que consiste nunha pedra en forma de columna ou lápida colocada verticalmente no chan, con inscricións ou adornos esculpidos.
Etimoloxía
Chegou desde o latín stela –ae ‘columna’, tomado do grego.
Exemplos *
“... despois de dar sepultura a quen foi a súa compañeira durante trinta anos, e tras colocarlle sobre a campa, ó antigo modo grego, unha estela que representaba a unha dama bicando a un cabalo, Catuxo recolleu o pouco que lle quedaba na casa da defunta e dirixiuse ó porto ...” (Francisco A. Vidal: A derradeira decisión)
“... destinados a Doirau, o primeiro rianxeiro de nome coñecido _nome que aparece na súa estela funeraria, do século II ou III despois de Cristo, achada nun labradío das Miráns, na parroquia do Araño ...” (Ricardo X. Losada: O xene da chuvia)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.