estío

Estación máis calorosa do ano, que segue á primavera e precede ao outono e que no hemisferio norte vai desde o vinte e un ou vinte e dous de xuño ata o vinte e dous ou vinte e tres de setembro

Etimoloxía

A palabra procede da substantivación do adxectivo latino aestivus que formaba a expresión aestivum tempus ‘tempo de moita calor’.

Exemplos *

“Gustábanos o festival do equinoccio desde nenas, cando nos disfrazaban de margaridas para despedir os meses de estío desfilando por Main Street.” (Berta Dávila: O derradeiro libro de Emma Olsen, 2013)

“Era polo mes de xullo, un día no que a calor do sol pasara dos galanteos de primavera aos acosos do estío.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia/ O Perico dos Zocos, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.