estorniño

(Sturnus unicolor) Paxaro da familia dos estúrnidos, de cor negra co peteiro amarelo, moi común en Galicia, que adoita vivir en bandadas que chaman a atención por seren ruidosas.

Etimoloxía

Termo que bebe da denominación latina sturnus 'estorniño’ ao que se lle engade o sufixo -iño.

Exemplos *

“O sol tenta brillar por riba das xesteiras mentres os estorniños foxen en bandadas, negrexando o ceo.” (Diego Ameixeiras: Matarte lentamente, 2013)

“Fiz volveu cunha gaiola e un estorniño dentro. Colocouna nun lateral da mesa. Como se chama?, preguntou Pementa polo paxaro. Fígaro. O outro tamén se chamaba Fígaro, observou Cotón. Si, o outro tamén. Mais o outro morreu. Afumado, na gaiola.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.