Arbusto espiñoso da familia das rosáceas do que existen diversas especies, con froito non comestible, que se utiliza para enxertar pereiras e maceiras
Etimoloxía
Vocábulo derivado sobre estoutro “estripo” que, á súa vez, remite ao latín exstirpare ‘rachar’.
Exemplos *
“O camiño seguía pola lingua de terra que se dirixía ó suroeste. Baixo aquel ceo cor de chumbo que clarexaba por momentos, viron recortarse sobre o alto da lomba o estripeiro que nacera do caxato que Xosé de Arimatea chantara ó desembarcar.” (Xoán Bernárdez Vilar: No ano do cometa, 1987)
“O piérido que voa escaso en Galicia, aínda que abundante no sur de Ourense, en ladeiras, soleadas, claros de bosque e biótopos nos que medra o estripeiro, nos meses de maio e xullo nunha soa xeración anual.” (Xosé Luís Iglesias Garrote e Xulio Astor Camino: Guía das bolboretas de Galicia, 1992)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


