estruga

Planta herbácea da familia das urticáceas, da que existen diferentes especies que se caracterizan por ter o talo e follas cubertos de pelos urticantes e flores en acio, que ao contacto coa pel produce proído e ampolas.

Etimoloxía

Vocábulo que se relaciona co latino urtica de significado semellante e que se relaciona co verbo urere que indica ‘queimar’.

Exemplos *

“Camiñando cara ao mar mergulleime nun territorio onde as casas amosaban un estado ruinoso, a estrada só conservaba piche nos extremos, as beirarrúas estaban crebadas e as estrugas devoraran os alpendres .” (Xerardo AgraFoxo: Viaxe á última revolución, 2016)

“[a calendulina] En uso interno, cicatriza as úlceras de estómago e de duodeno, e resulta efectiva en casos de gastrite e gastroenterite. O seu efecto terapéutico parece máis evidente cando se lle asocia coa estruga.” (Marga Miguéns: Cerna, 10-2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.