estudio de televisión

Local onde se realizan gravacións e emisións de programas de radio ou televisión, rodaxes de películas, gravacións sonoras etc.

Etimoloxía

Termo de orixe latina: studium ‘compromiso’, ‘apoio’ ou ‘afección’.

Exemplos *

“Silesio Braun carecía de relevancia, era un ser minúsculo no bordo do universo, marxinal, tímido, apoucado, un ninguén, un manelas. Imaxinaba que chegaban persoas brillantes ao estudio de televisión e narraban detalles íntimos da súa vida, ponderando os seus logros, a súa valía, a súa intelixencia e sensibilidade.” (Xosé Carlos Caneiro: Un xogo de apócrifos, 1997)

“Nun enorme plató, situado nos estudios de televisión dunha produtora do Polígono da Grela na Coruña, un decorado reproducía a gran fiestra dun apartamento pola que se vía a imaxe nocturna dos altos rañaceos iluminados dunha gran cidade baixo un enorme ceo cheo de estrelas.” (Ángel de la Cruz: O descenso do derradeiro ocaso, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.