exultante

Que sente unha grande alegría e a exterioriza visiblemente.

Etimoloxía

Este adxectivo procede do participio de presente latino exultans, antis, do verbo exultare, a partir de exsultare, que tiña o sentido de ‘saltar de alegría’.

Exemplos *

"… tampouco estaba tan exultante coma cando paseaba o seu adobío de raíña polas barras dos locais de moda, aínda que Daniel se sentiu acosado unha vez máis pola beleza sen esforzo que irradiaba." (Ramiro Fonte: Os leopardos da lúa. Unha traxedia particular)

"Exultante de gozo, o meu pai, excelente médico e conspicuo forense, puxo todo o seu fervor en me endereitar polo rego que pra min trazara na súa imaxinación poderosa …" (Alfredo Conde: A casa de Adara)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.