faba

Froito e semente da planta herbácea da familia das leguminosas con sementes alongadas, da que existen diferentes variedades comestibles, das que nunhas se aproveita a casula coas sementes aínda verdes e noutras só as sementes secas.

Etimoloxía

Chegou da forma idéntica do latín, faba –ae.

Exemplos *

“… ti tiñas que te amañar para o xantar con catro verzas mal contadas, unha presada pequena de fabas, dúas patacas e unha miguiña de unto…” (Paco Martín: Dende a muralla)

“As primeiras semanas o corpo rebélase contra a dureza do nicho que me serve de leito e contra a exigua colación de fabas e hortalizas que, a iso da sexta, un cuarto de hora antes de mediodía, lavan o meu estómago.” (María Gándara: Magog)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.