faneca

Peixe da familia dos gádidos [Trisopterus luscus] duns corenta centímetros de lonxitude e cor cincenta ou castaña amarelada no dorso e prateada nos flancos e no ventre, cunha mancha negra na base das aletas pectorais

Etimoloxía

Denominación que se relaciona coa palabra faneco ‘desorellado’, vinculado co verbo fanar ‘despuntar as orellas’, crese que fai referencia ao aspecto físico do peixe.

Exemplos *

“Como todas as dornas se achaban ocupadas faenando nas campañas da xarda e da sardiña, eu estaba pescando dende as rochas onde empeza a praia de Liméns. Tiña varias douradas e robalizas no cesto, e mais tamén fanecas, a tarde dábase ben.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

“Sen embargo, ninguén fai a festa do lirio, do xurelo, da cabala, da faneca, dos pescados que cotizan máis baixo pola abundancia, pero que son os que máis benefician a saúde.” (Xosé Martínez Couselo: O Correo Galego, 21-5-2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.