faragulla

Anaco moi pequeno que se solta do pan ou doutros alimentos feitos con fariña, como as galletas ou os doces

Etimoloxía

Vocábulo que ten a súa orixe no latín vulgar *fragulare que significa ‘esnaquizar’.

Exemplos *

“El estaba avergoñado pero non por iso soltara das mans o pan e mais a carne que aínda lle quedaban e volveu roer neles ata que non deixou nin faragulla.” (Paco Martín: A bisneta lercha. Contos de sempre para ler hoxe, 2006)

“Levaba sempre, canda si, unha gran bolsa chea de faragullas de pan reseso que ía deitando xenerosamente ao seu redor, atraendo moreas de paxaros que voaban en círculos sobre a súa estrambótica figura, mentres outros tantos se xuntaban aos seus pés.” (Xosé Alfredo Naz Fernández: A garza insomne. Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, 2013-2015, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.