farneiro

Depósito do muíño onde cae a fariña moída

Etimoloxía

Palabra de orixe controvertida, crese que podería ser un derivado do verbo “farnar” que procedería dun hipotético *farinar que viría do latín farina ‘fariña’.

Exemplos *

“É o caso que un rato deses que lamben o farneiro dos muíños, que furgando sempre por antre as paredes das casas andan á usma dos untos e touciños ou perniles mal gardados.” (Benito Fernández Alonso: Entre ratos (Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve)), 1885)

"Esquecido no fondo dunha rega, / esborrállase o muíño fariñeiro / tradado pola couza no farneiro, / na buxa, na peneira, na moega.” (Manuel Rodríguez López: Poesía completa (ed. Darío Xohán Cabana), 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.