fatoeiro

Variedade de ameixeira que ten como froito o fatón

Etimoloxía

Palabra derivada sobre a voz “fatón” que probablemente procede do céltico *fattom de significado semellante.

Exemplos *

“Camiñamos polo que noutro tempo fora o salido. Entre a gamallada, afogadas por ela, medraban aquí e alá unhas maceiras de longas pólas podrecentes. Un fatoeiro con pequenos fatóns escuros rodeados de silvas, coma unha froita de tentación. E loureiros, e érbedos, e máis silvas, moitas silvas e ortigas enormes a impediren o paso para calquera banda que se quixese camiñar.” (Xosé Manuel Martínez de Oca: Os chapurros, 1983)

“Nesa parte dianteira da horta de Roiz, a que dá á estrada, á Cancela da Maceira, onde tamén ten cortes e garaxe, hai varias castes de maceiras —herdo toponímico—, de pavieiras, de fatoeiros, repinaldos, enxertos en estripo de ambruíños... e medra dereita unha nogueira das boas á beira do camiño.” (Anxo Angueira: Pensa nao, 1999)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.