feixón

Planta herbácea da familia das leguminosas con sementes alongadas, da que existen distintas variedades comestibles, e das que nunhas se aproveita a casula coas sementes aínda verdes ou tenras e noutras as sementes secas.

Etimoloxía

Procede do latín faseolus ‘feixón, faba’, diminutivo de phasalus, forma tomada do grego.

Exemplos *

"Paparon sen pausa nin comento os pratos de arroz e feixóns con rega abundante de augardente." (Bieito Iglesias Araúxo: Vento de seda)

"Levaba un canastro de vimbio no portavultos onde lles metían feixóns, chourizos, patacas e leite que despois, contra a noite, Rosalía e Consuelo adoitaban levar ás mulleres dos detidos …" (Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.