Bordado no bordo dunha tea, no que as puntadas van moi xuntas e cada unha delas queda rematada e formando un nó pola parte exterior, de xeito que se se corta a tea pola raíz do bordado, nin este se desfai, nin aquela se esfiaña / Calquera bordado, debuxo ou outro adorno, en forma de ondas ou puntas, que adorna o bordo dunha cousa
Etimoloxía
Termo que procede do italiano festone, que, á vez, bebe da voz festa, xa que se usaba como adorno nas festividades
Exemplos *
“Mamá cosía e bordaba moi ben e traíanos moi guapas. Levabamos zapatos de charón, vestido de cadros de pata de galo con colo cun festón calado e abrigos violetas con colo bebé, de entretempo e de vestir.” (Carme Blanco: Vermella con lobos, 2004)
“E volve vela sentada na cadeira da galería, co bastidor fincado nos xeonllos, trazando coa agulla festóns, bodoques e calados. Cando era nena non lle interesaban os labores, (...), mais agora aprecia esas pezas.” (Celia Díaz Núñez: Unha verdade amarga, 2017)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


