fidalgo, -a

Relativo ou pertencente aos fidalgos / Que transmite xenerosidade e nobreza / Persoa pertencente a unha clase social que vivía das rendas das propiedades agrarias, dominante, xunto co clero, no agro dos países do occidente de Europa entre a Idade Media e a xeneralización do capitalismo e que en Galicia se apoiou na institución do foro

Etimoloxía

Termo que ten a súa orixe no galego medieval fillo d’algo ‘fillo de algo’.

Exemplos *

“A boa fidalga chegou a vella e tiña criadas de tanto ben que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban a casa.” (Daniel Rodríguez Castelao: Cousas II, 1929)

“Mañá, dicía ela por hoxe, era día de moita trasfega nas cociñas do castelo, que o señor xuntaba para xantar a todos os fidalgos da redonda, seica na procura de apoios para a revolta.” (Manuel Portas: Lourenço, xograr, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.