Planta da familia das umbelíferas de talo delgado e algo oco, follas fendidas en tiras finas coma fíos e flores amarelas en umbela, de cheiro a anís e gusto doce, que se utiliza en medicina e como condimento
Etimoloxía
Variante de “fiúncho” que se relaciona co latín tardío fenuculu, diminutivo do clásico fenum ‘feo’, ‘herba seca’.
Exemplos *
“O fiollo fervido con leite para a ronqueira ou para a tose, o romeu para as mancadelas, viño cocido con romeu, o caldo da marvela para o catarro, e tamén era moi boa para a barriga.” (Emilio Araúxo: Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra, 1996)
“Como o fiúncho tamén recibe en Galicia os nomes de fiollo e fionllo, xa podemos saber a que especie vexetal se refiren os topónimos Fiolleda e Fiolledo.” (Fernando Cabeza Quiles: Toponimia de Galicia, 2008)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.