Tecido fino de la ou algodón, semellante á baeta, aínda que de menos corpo ca esta, moi suave e cunha cara coma se estivese cardada.
Etimoloxía
Esta palabra procede do francés flanelle, tomado do inglés flanel, que á súa vez vén do galés gwalanen 'pano de la'.
Exemplos *
"… o comandante do posto, cando saíu da cama en cirolas de flanela, encontrou ameazantes bocas de fogo ante os ollos …" (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)
"Aínda non colgara o gabán cando un home groso, de barba cana e cabelo descoidado, apareceu pola porta cunha refucida camisa de flanela a cadros." (Xabier Quiroga: Atuado na braña)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


