folgo

Capacidade e valor que se ten para levar algo a cabo / Acto de alentar ou respirar

Etimoloxía

Derivado regresivo do verbo “folgar”, voz que procede do latín tardío follicare ‘alasar’.

Exemplos *

“Aínda falta moito. Subimos ata Ramón Nieto e paramos na sala de concertos, que a esa hora estaba pechada. Sentamos a recuperar folgos no banco que tiñan na porta.” (María Lado: Entre os dous hai un río, 2016)

“El non acordaba o porqué da tristura pero sabía que existira na súa carreira infantil como existiran os folgos esmigallados na praia con leña furtiva ás costas e os sacos de agulla amoreados tras das dunas.” (Rosa Aneiros: Resistencia, 2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.