Lugar onde mana auga, que pode proceder dunha corrente subterránea natural ou ser conducida artificialmente
Etimoloxía
Voz que bebe da latina fons, fontis que significaba ‘manancial’, ‘auga’ ou ‘orixe’.
Exemplos *
“Tintilantes fontes de auga fresca en todo tempo. Caza (perdices e coellos) no outono. E no verán, música de abellas, que acorren e cumprimentan todas as variedades do violeta nas infindas queiroeiras (amais de toxos e xestas) que converten A Corda nun extraordinario berce nutricio, sempre humectada por ventos mareiros e xistros nordés.” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda, 2012)
“Foi molla-las mans nunha das fontes de auga termal da cidade antiga, aínda que ficou sen saber se eran máis quentes cás Burgas.” (Xabier López López: O caderno, 2001)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.