fontela

Fonte pequena / manancial que forma unha poza

Etimoloxía

Voz derivada sobre “fonte” que, á súa vez, bebe da latina fons. Fontis ‘manancial’.

Exemplos *

“A seca da fontela produciuse a noite do meu nacemento e resultou tan repentina como efémera, pois aos dous días a auga abrollou de novo tan sabedeira e fresca como sempre, alimento do lavadoiro para revivir o latricar e os risos das lavandeiras e para espertar as anguías gorecidas na lama.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Despois cruzábase os lameiros de Pena, con presa xa de seu. Limpábanse e recintábanse por toda a redonda as dúas pozas. Abríaselle á fontela do Amineiral e continuábase cara Quintela.” (Afonso Eiré: Eu tamén fun coas vacas, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.