formiga

Pequeno insecto da orde dos himenópteros, polo xeral de cor negra, que vive en colonias moi numerosas organizadas en clases, e do que existen varias especies.

Etimoloxía

O nome deste insecto procede da súa denominación latina, formica, -ae.

Exemplos *

"Deixei subir unha formiga pola perna ata o xeonllo, no último momento había que apartala da zona vermella." (Xavier Lorenzo Tomé: O paxaro que canta un nome)

"Sentarse diante dunha lamprea en Arbo, unhas formigas fritidas en Lesoto ou un parrulo con marmelada nas illas Feroe é un asunto máis ou menos normal para os nativos de Arbo, Lesoto ou as Feroe, pero fascinante para quen o contempla por vez primeira." (Xosé Cermeño: Ciencia de facer as camas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.