Paxaro da familia dos sílvidos, coa parte superior do corpo verdosa, a gorxa e os laterais do peito amarelos, o ventre abrancazado e as patas marróns escuras
Etimoloxía
Nome de orixe descritiva que se crea co verbo “furar” que vén do correspondente latino forare e o substantivo “follas” que nos remite ao latín folia, plural de folium. O nome científico que se lle outorgou é phylloscopus collybita.
Exemplos *
“A súa dieta é basicamente "ornitófaga" e inclúe dende pequenos paxaros coma pardais, ferreiriños ou furafollas, a paxaros de maior tamaño coma os merlos, os tordos ou as pombas.” (Javi Cui, “Un gabián accidentado en Silleda” na bitácora: https://www.biodiversidadedodeza.org/blog) [visto 17-1-2025]
“O modo en que afecte á banda sonora da natureza dependerá tamén da cantidade de furafollas que haxa no lugar e de cales sexan as outras especies que compartan ese recuncho do mundo.” (Sergi Herrando e Lluís Brotons: GCiencia, 17-1-2025)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.