Vento moi forte de entre oeste e noroeste, que ocasiona fortes temporais na costa do Cantábrico
Etimoloxía
Denominación do vento que bebe da palabra galerne ‘vento do noroeste’.
Exemplos *
“Unha filla de mentira, que os homes, que navegaran os sete mares, viviran motíns, e galernas, e insurreccións, e castigos militares e civís, e traballos duros, que non eran uns brandos de corte nin pazo, quedaron horrorizados daquel corpo sen alma.” (Teresa Moure: Herba moura, 2007)
“Nivardo Castro ollou as ondas dun mar en calma, a carón duns grandes penedos, que parecían postos alí pola natureza para defender o Maravista do asalto das augas. A realidade, sen embargo, era que o hotel estaba varios metros por riba do nivel do mar e que só unha galerna podía chegar a salpicalo.” (Carlos G. Reigosa: Narcos, 2001)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.