galgo

Can moi lixeiro, de corpo longo e delgado, cabeza pequena e fociño aguzado, que se cría para a caza e se adestra para as carreiras pola súa velocidade

Etimoloxía

O termo chega da frase latina: (canis) gallicus que significaba ‘can das Galias’, crese que se levaban desde alí a Roma.

Exemplos *

“Un domingo á mañá asistín a unha carreira na que o galgo de Manolo quedou terceiro, polo que perdín os cinco dólares que apostara por el.” (Luís Menéndez Villalva: Toda a terra é dos Homes. Galegos no mundo, 1993)

“(...) catro galgos xogan a asustaren un gato de Angora cinsento, tan arrogante coma eles, que os ignora porque sabe que os barzois non lle han facer mal.” (Ramón Loureiro: O corazón portugués, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.