garavanzo

Planta herbácea da familia das leguminosas (Cicer arietinum), con froito en casula cunha ou dúas sementes comestibles, de forma arredondada e dun centímetro de diámetro aproximadamente, de cor amarelada cando están secas.

Etimoloxía

Non se coñece a súa orixe, para a que se apuntan varias hipóteses, como que proceda dunha forma gótica arwaits ou do latín ervum.

Exemplos *

"Eu mesma puxen a desalgar a cachucha, o óso de soá que pasei antes por dúas augas para tirarlle o sal gordo, as uñas, os garavanzos, e entre todos, alegremente, de alí a dous días, compuxemos un cocido …" (Xesús Valcárcel: Matar o tempo)

"Ela mordeu o labio inferior e concentrouse na comida que ordenara para o día, tiña a costela a desalgar, os garavanzos a mollo e as patacas peladas." (Xurxo Borrazás: Na maleta)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.