Peza que levan os coches, motos e bicicletas cubrindo as rodas para evitar que estas salpiquen lama.
Etimoloxía
Palabra composta polo verbo gardar e o substantivo lama que procede do latín lama, –ae 'lama, poza ou lameira'.
Exemplos *
"É unha máquina bastante pesada, con dínamo e faro no gardalama dianteiro" (Darío Xohán Cabana: O cervo na torre)
"Odiaba o ruído da bicicleta, o trouqueleo metálico dos gardalamas descompostos e os pedais de dentes afiados que ían cada pouco mancándome o nocello." (Miguel Anxo Murado: Mércores de cinza)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.