Persoa que se ocupa de vixiar os montes e coidar a súa conservación
Etimoloxía
Voz que se crea pola unión de “garda”, que remite ao xermano *warda ‘o que busca coa vista’, e mais “montes” que procede da latina mons, montis que significaba ‘monte’, ‘montaña’.
Exemplos *
“Pasara tempo abondo e o Xaquín non chegaba. Preguntoulle por el ó gardamontes e a un carreteiro que viña da banda do Toxal. Nada. Ninguén o vira.” (Xosé Neira Vilas: De cando o Suso foi carteiro, 1988)
“Daquelas, creárase a figura dos gardamontes, que tiñan a función, entre outras, de conceder os veciños as parcelas do monte público nas que coller o fento e o toxo para uso doméstico.” (Ángel Durán Iriarte: Contos do vixiador, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.