Arbusto de xardín da familia das rubiáceas, de follas perennes, de cor verde escura e brillantes e flores brancas moi recendentes / Flor desta planta
Etimoloxía
A denominación desta flor constitúe un epónimo formado para honrar o médico e botánico escocés Alexander Garden, a quen se dedicou o xénero Gardenia. O seu nome científico é Gardenia jasminoides.
Exemplos *
“Así como o poeta modernista descubriu os nenúfares, eu tamén descubrín un día as gardenias. Medraban fermosas en Reibón, no eido dunha prima da miña nai que se chama Rosa (todo é flor en Reibón).” (Xosé Manuel G. Trigo: Extintos básicos, 1998)
“Ao sentarme no lugar acostumado, un arrecendo celeste chegou a min procedente dunha gardenia que, discreta e silandeira, florecera. A flor era fermosa e o aroma, sobre todo o aroma, mantívome nela prendida un tempo, durante o cal tan só existín por ela e para ela.” (María Teresa Otero Sande: Relatos, 1990)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


