garduña

Pequeno mamífero carniceiro da familia dos mustélidos, de pelo castaño cunha mancha branca fendida ao medio na papada, corpo alongado, orellas redondas e pequenas, patas curtas e rabo longo, que se alimenta de roedores e de crías doutros animais que caza pola noite

Etimoloxía

Palabra que se cre que ten a súa orixe na prerromana harda ‘tipo de rato’.

Exemplos *

“Ó falar deixaba entreve-la lingua entre os dentes, como fan as cobras e houbo un intre no que Carlos creu percibila bífida, partida e escura coma un misterio. Non desprezaba doniñas e garduñas, coas que comerciaba, pero eran serpes o que prefería.” (Francisco X. Fernández Naval: Sombras no labirinto, 1997)

“Un lugar solitario e medoñento onde entobaba o lobo, así coma outros animais propios daqueles contornos crebados e montesíos: garduñas, raposos, teixugos, corzos e aves carniceiras, sobre todo corvos, e moreas de serpes.” (Xosé Fernández Ferreiro: Agosto do 36, 1993)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.