garfo

Utensilio con tres ou catro pugas nun extremo, para levar alimentos sólidos á boca.

Etimoloxía

Crese que procede do latín graphium, –i e este do grego grapheion 'punzón para escribir' que interferiría co termo árabe garfa 'puñado'.

Exemplos *

"Cando os señoritos comezaron a come-las sardiñas, comíanas cos garfos ata que se deron de conta de que os mariñeiros as comían cos dedos, entón eles fixeron o mesmo." (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro)

"Petra, que comía tan tranquilamente un anaquiño de tortilla, deixou o garfo a rentes do prato e o coitelo atravesado entre dúas das súas pugas." (Alejandro Tobar: Cremalleiras)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.