garridiña

Pequeno mamífero carniceiro da familia dos mustélidos, de patas curtas, corpo alongado e pelame pardo no lombo e branco no ventre e no peito, que se alimenta de ratos, toupas etc.

Etimoloxía

Pénsase que a orixe deste termo sería prerromana e vinculada ao termo harda ‘especie de rato’.

Exemplos *

“Hai que tratala con moito respecto, pois é vingativa e persegue os que a difaman. Pódeche quitar os ollos se falas mal dela. Por esa razón se lle chaman todos eses nomes eufemísticos que ben coñecemos: denosiña, dona, doniña,  garridiña, donosiña, Dona das paredes, Donicela bonitiña.” (Xoán Ramiro Cuba Rodríguez: Diccionario dos seres míticos galegos, 1999)

“Da donicela din que agarra a un cos dentes, e non o solta mentres non orneen sete burros e toquen sete campás de sete eirexas: Dinlle: — Donicela, bonitiña, garridiña.” (Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez: Folklore de Melide, 1933)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.