goma de mascar

Resina aromatizada para mascar, que se obtén dunha árbore suramericana ou mediante procedementos artificiais

Etimoloxía

Frase formada pola voz “goma” que vén do latín vulgar gumma, de significado idéntico e o verbo “mascar” que nos leva ao latín tardío masticāre 'mastigar’.

Exemplos *

“O recibo saíu automaticamente da máquina. Recolleuno e gardouno no peto, xunto ao paquete de gomas de mascar. Aquel tipo pareceulle tan frío que nin sequera murmurou o boa noite.” (María Canosa: Cando cae a luz, 2016)

“Ao marcharen, a muller dáballes cadanseu bico e un paquetiño de goma de mascar que eles facían render para toda a semana. Aquela lambetada que viña nun envoltorio escrito en inglés mandáballa un irmán de América.” (Xavier Senín: O alfaiate portugués, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.