gornición

Preparado cociñado ou cru que acompaña o ingrediente principal dun prato

Etimoloxía

Palabra derivada sobre estoutra “gornecer” que remite ao antigo guarnir que nos leva ao xermánico warnjan ‘advertir’.

Exemplos *

“Ó repasa-la lista dos invitados topou con –agora o recorda– algún que está a seguir unha dieta vexetariana. Non é un problema insalvable se, de antemán, ten previstas coa comida unhas gornicións a base de legumes; se cos entremeses intercala, por exemplo, champiñóns, pementos de Padrón.” (Luís Prego Carregal: Saber ser, saber estar. Normas-Consellos-Curiosidades, 1994)

“Mentres manexamos a grande culler de alpaca para levar á boca aquela sopa de legumes, á espera do cuarto de polo asado, con gornición de xudías esmaiadas, tristísimo, e dos licores servidos en garrafiñas de xoguete, deixamos vagar a imaxinación.” (Xosé Luís Méndez Ferrín: Bretaña Esmeraldina, 1987)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.