grilo

Insecto da orde dos ortópteros, saltador, duns tres centímetros de tamaño e de cor negra, que se caracteriza por que o macho produce un son monótono ao fretar os élitros.

Etimoloxía

Termo que chega desde o latín grillus, mais, á vez, bebe do grego gryllum con significado semellante.

Exemplos *

“Por momento víñalle a paz, o encoro movedizo de moita auga, e daquela entráballe como unha friaxe no corpo, friaxe na cor onde pousaba os ollos, o siléncio amosábaselle no canto continuado dun grilo [...]” (Lois Diéguez: A canción de vagamundo, 1986)

“O incendio do monte no verán cheira a unha mestura de vexetación e a ás de grilo e carricanta, a canto queimado” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.