grosella

Froito comestible da groselleira, de cor branca ou vermella, sabor agridoce e con forma de boliña, unido a outros formando unha especie de acio, que é moi utilizado para preparar conservas, doces e licores

Etimoloxía

Vocábulo que chega desde o francés groseille que remite ao alto alemán Kräuselbeere ‘froito rizado’.

Exemplos *

“E comeza a facer tortas de todo tipo: de amorodos e de grosellas, de améndoas, biscoitos de crema, madalenas de albaricoque. Fainas e devóraas nada máis saír do forno mentres ve na televisión por cable unha canle británica.” (Berta Dávila: O derradeiro libro de Emma Olsen, 2013)

“Brais deixará de comer iogur vexetal a base de soia, morango, grosella e framboesa, pero, no tocante a alimento espiritual, está mellor co novo amor de Gorete, ese suxeito calado, partidario dos aromáticos estufados.” (Bieito Iglesias: Pan e coitelo. Novela moi moral, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.