guindeira

Árbore da familia das rosáceas (Prunus cerasus), semellante á cerdeira, de flores brancas, que ten como froito a guinda

Etimoloxía

Denominación derivada sobre o nome “guinda”, palabra de orixe escura que estaría relacionada co provenzal antigo *guinla, que remite ao fráncico *wihsina e chegaría do xermánico *wiksina.

Exemplos *

“A cerdeira brava, no Courel presenta dúas variedades, unha que dá o froito de cor clara e outra máis escura, case negra. Outra variedade é a guindeira (Pronus Cerasus) de porte achaparrado e con froito moi avermellado e acedo.” (Jesús Alfonso Parada Jato: Usos, costumes e cousas do Courel, 2007)

“Os rapaces agatuñaban polas guindeiras aliñadas e xogaban por aló, os mesmos rapaces que habían encontrar ese xeito espurio de conseguir un traballo, no canto de facer un esforzo razoable para se acomodaren pola súa conta.” (Carlos Arias: O libro das Capitulacións, 2003)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.