herba cabreira

Herba mitolóxica sen identificar coa que, segundo a crenza popular, as andoriñas e os petos fan os niños e á que se lle atribúen poderes extraordinarios

Etimoloxía

Frase que se forma con “herba” que procede do equivalente latino herba complementada co adxectivo “cabreira”, derivado sobre “cabra” do latín capra de significado semellante.

Exemplos *

“Paxaro que anuncia a primavera. Fai os seus niños coa herba cabreira e leva a sorte á casa onde aniña. Ténselle respecto, pois aliviou os sufrimentos de Cristo no Calvario arrincándolle co pico algunhas espiñas da coroa.” (Xoán Ramiro Cuba Rodríguez e Xosé Miranda Ruíz: Diccionario dos seres míticos galegos, 1999)

“A herba cabreira é unha especie vexetal de poderes máxicos e características descoñecidas. Xérase a partir do bafo emitido polos cabalos pola fosa esquerda do seu nariz. O seu período de incubación é de sete anos.” (Vítor Vaqueiro: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, 2011)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.