hórreo

Construción rural, de forma xeralmente rectangular, feita sobre columnas e con moitas aberturas nas paredes para facilitar a ventilación, que se utiliza fundamentalmente para gardar o millo e outros produtos agrícolas.

Etimoloxía

Procede da denominación que tiña en latín o lugar para gardar o gran, horreum.

Exemplos *

“... non faltan os arriscados organizadores que cada ano celebran a súa festa partindo dun presuposto cero, como ocorre na Festa da Empanada de Araño en Rianxo (onde está o hórreo que supera en tamaño ó de Carnota).” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico)

“Os soportes son os elementos de base sobre os que vai toda a estrutura do hórreo e que son de tres tipos: pés dereitos, cepas, celeiro e aínda podiamos engadir a cabana de pedra.” (Xosé Lois Ripalda: A cultura do pan)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.