iletrado, -a

Que non sabe ler nin escribir ou que non ten instrución

Etimoloxía

Palabra formada mediante o prefixo negativo in- sobre o adxectivo “letrado” que viña do latín litteratus ‘erudito’.

Exemplos *

“Os fieis elixiron o Entroido, que pasa unha vez ao ano, e para prédicas abondaban as que lles daba todos os domingos para adormecelos. Os paisanos iletrados poida que fosen, pero parvos non.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia / Viacrucis interruptus, 2013)

“Unha gran parte dos seus clientes eran persoas iletradas, case analfabetas, que vían no tecedor de palabras ó posuidor do don de ordenar por escrito, cunha fermosura desusada, as emocións e os afectos.” (Xavier Lama: Os moradores da nada / Guan Iuanzhang, 1995)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.